31/07/13

Exposición temporal




            Antonio Massó García ((Vigo, 1906-1988) formou parte da terceira xeración da saga catalá dos Massó que se establece en Bueu (Pontevedra) a principios do século XIX para dedicarse á salgadura e conserva de peixe. Foi o cuarto e o menor dos fillos de Gaspar Massó Ferrer, fundador, xunto co seu pai e o seu irmán Salvador, da fábrica de conservas herméticas en 1883.

            Nesta exposición queremos destacar a faceta creativa do empresario Antonio Massó. A súa inclinación artística levouno a facerse cargo da imaxe e a publicidade da fábrica de conservas Massó Hermanos e a desenvolver unha gran destreza na arte do scimshaw. Para iso valíase dos cairos de cachalote procedentes da factoría baleeira que tiñan en Cangas e os pirogravaba reproducindo escenas navais e de caza de balea.
            Sen dúbida Gaspar Massó García (1892- 1991) soubo trasladar ao seu irmán menor o interese pola valiosa colección bibliográfica que a familia atesouraba no Museo Massó. Antonio implicouse de forma moi activa no seu acrecentamento e difusión, chegando mesmo a deseñar o ex - libris da biblioteca familiar.
            A mostra intégrase dentro do percorrido da exposición permanente. Deste xeito a figura de Antonio cobra toda a súa relevancia en cada unha das seccións do discurso expositivo: a sala do antigo Museo e as salas dedicadas ás factorías conserveira e baleeira, que foron propiedade da familia e nas que desempeñou a súa actividade profesional e envorcou a súa inquietude artística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario