13/07/09

UN RELEVO DE XOAN PIÑEIRO NO MUSEO MASSÓ



Relevo en granito. Sen título. Xoán Piñeiro. ca . 1950-1964. 56 x 68 x 14 cm.


Xoán Pieiro foi un dos artistas  que recibiu nos seus inicios un impulso importante por parte da familia Massó, para os que realizou numerosos encargos, entre os que se atopan os retratos dos irmans Massó que se expoñen no museo. Este relevo  é case con seguridade anterior a 1964, data na que o seu quefacer cambia definitivamente derivando cara a un estilo no que a valoración do oco, a rotundidade de volumes e as formas elementais se converterán nos seus sinais de identidade.
A escena móstranos a dous mariñeiros que cargan  o caixón para trasnportar o peixe dende o barco a factoría, inspirado nunha composición que o artista gráfico Federico Ribas realizara  para a portada da revista Industria Conservera .
Xoán Piñeiro (Nerga/Hío Pontevedra 1920 - Vigo 1980) é sen dúbida un dos grandes escultores galegos da metade do século XX. A súa obra está repartida por diferentes museos e institucións, contando tamén con numerosos monumentos públicos en cidades como Vigo.
Dende as súas primeiras obras como escultor demostra un gran virtuosismo no traballo do granito e do mármore, materiais cos que traballou durante toda a súa vida. A partir dos anos cincuenta e ata mediados da década dos sesenta do século pasado -durante a súa estanza en Madrid- a súa temática centrouse no mundo do mar e así o recordo do Atlántico, dos mariñeiros, da península do Morrazo, latexa nas súas obras dese período, sen esquecer tampouco que el traballara como mariñeiro no seu anos de xuventude.


Ningún comentario:

Publicar un comentario